‘Despois do orgullo’, do pontevedrés Álvaro Domínguez, foi seleccionada entre as 34 obras presentadas. Recibirá unha recompensa de 3.000 euros e a publicación por parte de Edicións Xerais
O Concello de Pontevedra deu a coñecer este luns o nome do gañador da sexta edición do Premio Literario Pinto e Maragota, certame creado para fomentar a creación literaria arredor da diversidade sexual e de xénero. Por primeira vez o gañador do premio literario é un pontevedrés, Álvaro Domínguez, pola obra ‘Despois do orgullo’.
“Fainos moita ilusión que un pontevedrés faga bandeira da diversidade”, asegurou a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, acompañado do gañador do Premio Literario Pinto e Maragota. O autor galardoado asegurou tras coñecer o fallo que “é un orgullo para min e unha ilusión especial traer para casa este premio, para Pontevedra”.

O xurado escolleu o traballo de Álvaro Domínguez, segundo a súa acta, por ser unha obra que é un alegato fronte aos discursos de odio a partir dun acontecemento traumático que condiciona a vida das catro personaxes ou das catro protagonistas.
Trátase dunha novela que sitúa a catro amigos na noite do Orgullo de 2005 en Santiago de Compostela, onde presencian un delito de odio que marcará para sempre xamais as súas vidas. Quince anos despois, unha nova vaga de agresións homófobas obrígalles a enfrontarse ao pasado.
Álvaro Domínguez únese desta forma ao palmarés do Premio Pinto e Maragota xunto ás persoas galardoadas nas edicións anteriores. Son as novelas Cobiza, de María Reimóndez; Extranxeiras, de Carmen P. G. Granxeiro; o poemario Todo o que doe, de Carmen Caramés Gorgal; Askja, de Antonio Manuel Fraga; e, na última edición, As esquinas, de Miguel Calvo.



