O club de lectura feminista O Sofá Violeta pecha o seu primeiro ano de vida cunha sesión dobre

A cita é martes 1 de decembro no Centro Sur (rúa Luis Braille, 40) e as persoas que aínda non formen parte do club e queiran participar téñense que inscribir en apuntate.pontevedra.gal

Este club de lectura feminista e carácter itinerante está impulsado pola Concellería de Igualdade e o CIM-Centro de Información á Muller de Pontevedra

O club de lectura feminista O Sofá Violeta pecha o seu primeiro ano de vida cunha sesión dobre arredor da lectura da O Corpo de Cristo (BD) de Bea Lema e As horas mortas (ensaio) de Emma Pedreira o que dará pé, por unha banda, para falar da saúde mental e os coidados e, por outra, para coñecer algo máis da historia das mulleres galegas, a través dun paseo literario polos cemiterios do país, que amosará a diferenza de clases, os ritos aparellados a cada relixión ou a variación dos costumes co paso do tempo. A sesión dobre é consecuencia do obrigado adiamento da cita de novembro, por indisposición da autora de As horas mortas, que estará presente no encontro.

A derradeira cita do ano 2026 do Sofá Violeta é o vindeiro martes 1 de decembro, a partir das 19.00 horas, nas instalacións do Centro Sur (rúa Luis Braille, 40, antiga residencia da ONCE). As persoas que aínda non formen parte do club de lectura e queiran participar neste encontro téñense que anotar na web municipal apuntate.pontevedra.gal

O Sofá Violeta é un club de lectura feminista e carácter itinerante impulsado pola Concellería de Igualdade e o CIM– Centro da Información á Muller de Pontevedra. Antes de chegar ao Centro Sur onde remata o seu primeiro percorrido, pasou polo Centro Social de Gorgullón, ás bibliotecas do CIFP A Xunqueira e o IES Sánchez Cantón, á Escola de Cons en Mourente, local social de Bora e o centro cultural de Marcón.

Nesta andaina, as e os lectores participantes puideron compartir tempo e reflexións coas seguintes autoras: María Besteiros, Vicky Estévez, Inma López Silva, Arantza Portabales, Antía Yáñez e Priscila Retamozo, ademais de con Bea Caamaño, que participou nunha edición especial do Día das Letras Galegas dedicado a súa irmá Begoña.

Está previsto que O Sofá Violeta teña continuidade no 2027.