Os próximos venres 5 e sábado 6 de marzo celebrarase de xeito “online” a cuarta edición do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, un encontro de xornalistas que neste ano volve ser telemático debido a evolución da pandemia. Con este formato “estamos creando na rede unha biblioteca de contido online no que a muller é protagonista”, en palabras da xornalista e promotora do evento Susana Pedreira. Así, os contidos das pasadas edicións superaron xa as 10.500 visualizacións, o que supón multiplicar por 25 o aforo do Teatro Principal onde se realizaron as dúas primeiras edicións.
A edición deste ano de ‘As mulleres que opinan son perigosas’ contará con 12 ponencias e 16 xornalistas convidadas de primeiro nivel na que se abordarán novos temascomo a ciencia, o fotoxornalismo, o humor, a memoria das mulleres e os podcast como nova linguaxe xornalística.
Na aposta por non repetir convidadas de edicións anteriores e sumar perfís novos, este ano destaca a presencia entre as relatoras de dúas Premios Pulitzer, como son Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos papeis de Panamá, e que vai falar do “tecnoestrés xornalístico”, e Susana Vera, primeira fotoxornalista española en acadar o citado galardón.
O foro ten tamén entre as súas participantes a dúas das máis prestixiosas mulleres do xornalismo en España: Almudena Ariza, correspondente con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Así mesmo, terán voz xornalistas especializadas no mundo musulmán, como Ebbaba Hameida e participarán tres directoras de medios: María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas). Estarán tamén as responsables da sección de Economía dos principais xornais galegos, Mercedes Mora (Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo). Pola súa banda, Pampa García Molina falará de ciencia, e o mundo do humor estará representado por Henar Álvarez, mentres que a primeira correspondente de xénero do diario El País, Pilar Álvarez, falará das novas responsabilidades con perspectiva de xénero e María Jesús Espinosa de los Monteros do mundo dos podcasts. Do eido local, as xornalistas Belén López e Montse Fajardo abordarán o tema da cultura e a memoria neste ámbito.
As inscricións para participar neste novo encontro en formato online xa están abertas, ainda que este ano non son imprescindibles ao poder seguir os relatorios en directo a través das páxinas web e redes sociais do Concello de Pontevedra e da Deputación.