Programa EMPREGADAS de asesoramento e orientación laboral

A Concellería de Igualdade impulsa este servizo de asesoramento e orientación laboral gratuíto para mulleres desempregadas de Pontevedra.

O programa Empregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e destinado a mulleres desempregadas residentes no concello de Pontevedra, configúrase como unha asesoría laboral no que se ofrecerá orientación, contacto con ofertas de emprego e recomendacións para poñer en marcha negocios propios.

Empregadas ofrece entrevistas individualizadas para o estudo de cada perfil profesional, coa creación dun itinerario personalizado de inserción; información, orientación e asesoramento laboral individualizado; formación ocupacional a través de obradoiros e faladoiros específicos; asesoramento, titorización e formación específica para o autoemprego, e sesións grupais para traballar habilidades básicas e mellorar a empregabilidade, xerando e consolidando redes de autoaxuda e colaboración entre as mulleres do grupo.

A programación de Empregadas contempla obradoiros (Creación de Empresas e Autoemprego, Técnicas para Mellorar e Adquirir Autoestima, Alfabetización Dixital e Ferramentas Google), así como faladoiros (Empregabilidade, Xénero e Empoderamento, Fomento do Espírito Emprendedor e Aposta polo Traballo Cooperativo) e formación ocupacional/práctica (Xestión e Venta no Comercio Electrónico, Facturación Electrónica e Márketing Online).

Todas aquelas mulleres interesadas en beneficiarse deste servizo poden informarse a través do correo electrónico empregadas@pontevedra.eu, o teléfono 621 18 00 30 ou ben en persoa no CIM, de luns a venres en horario de 9:30 a 12:00 horas.