Hai establecementos de todo tipo e están por toda a cidade
Xa son máis de 200 os comercios e negocios locais que participan dun xeito activo na campaña En negro contra a violencia de xénero. Camisetas, carteis, cintas… adornan os escaparates amosando o rexeitamento á violencia contra as mulleres.
O “negro” espállase por establecementos de todo tipo e de toda a cidade. Tendas de roupa (de muller, lencería, infantil, de home), de zapatos, de complementos, pastelerías, herboristerías, inmobiliarias, ópticas… sumáronse á iniciativa na que tamén caben escolas de música, ludotecas ou centros educativos. Ademain algunhas rúas (como Rosalía de Castro, Michelena o a rúa Serra) teñen penduradas bandas “policiais” ou paraugas co lema “Pontevedra en negro” “En negro contra a violencia”.
Rúas coma a Real ou as adxacentes á praza da Ferrería na zona monumental, as Galerías Oliva, Rosalía de Castro, rúa Peregrina ou a avenida de Vigo, ente outras, conforman un itinerario crecente de sensibilización e solidariedade.
Se novos comercios queren sumarse á campaña poden recoller o material para adornar os escaparates na sede do CIM (Centro de Información á Muller) do Concello ou a través do correo elefantesdecacharreria@gmail.com
Pontevedra puxo en marcha campaña “Pontevedra en negro” “En negro contra a violencia” o pasado venres, 18 de novembro da man de outros concellos de Galiza, co fin de dotar aos comercios da cidade de material propio da campaña para que até o 28 de novembro manteñan os seus escaparates de loito pola violencia machista.
A iniciativa, subliña a concelleira de Igualdade, Carme Fouces, “é un berro silencioso en contra da violencia que se sufre contra as mulleres. Queremos convidar á reflexionar que tipo de sociedade queremos e que podemos achegar cada un de nós para que isto non siga acontecendo”.