Carta aberta de Carmen Fouces: “Primeiro acoso. Muller….non esaxeres”

Tantas loitas e a eterna pregunta segue aí: como facer visible o problema estrutural da
violencia machista? Nun mundo onde o diñeiro é a medida só os datos importan, o
cuantificable. O que se pode medir ten prioridade sobre o que non se pode, aínda que,
por sorte, non hai escala coñecida para asignarlle un número á esperanza, ao
compromiso, ao amor ou ao odio, verdadeiros motores da vida.
Como podemos sacar á luz a base da pirámide, o inicio do que parte todo. Pois
tentando medilo.
Así arrancou #PrimAcoso, entregándonos á tiranía do cuantificable e poñendo enriba
da mesa o que todas agochabamos. Agora xa o temos diante e incluso ás propias
mulleres nos impresiona. Recoñecemos as situacións, os escenarios, o noxo, sabemos
do que falamos e non hai dúbida de que todas estamos unidas por ese fío invisible do
acoso, que para unhas remata en morte para outras en inferno e para ás demais nun
mal recordo tapado por capas de culpa e vergoña. Cando sobran os cento corenta
caracteres para narralo, malo, moi malo.
Ás mulleres prográmannos para facer sentir cómodo a todo o mundo, e aos homes en
particular. Atrevérmonos a desafiar o confort no que a maioría está instalado é
perigoso, pero a clave do noso poder está en conectarnos, en vibrar na mesma
frecuencia, sentir que todas estamos no mesmo barco e que temos algo que contar.
Que se atrevan a desafiarnos, a dicir que non é certo. Que se atrevan (e atrévense!) e
comprobarán o inmenso poder que nos asiste.
Para lanzarnos a contalo temos que rachar os tres muros de silencio. O primeiro o que
nós mesmas nos poñemos como autodefensa. O segundo está feito de forzas externas
que nos paralizan, o sufrimento da nosa xente por sabelo, a presión social, a imaxe que
queremos trasladar de nós mesmas etc. E a terceira barreira é o descrédito.
Segundo rezan nos papiros máis antigos, as mulleres non somos de fiar. Somos seres
histéricos, esaxeradas, parciais, emocionais e moi moi subxectivas. Ah! E malas
pécoras.
Despois do silencio, o descrédito é o instrumento máis poderoso para oprimir. As
mulleres somos desacreditadas cando ameazamos o status quo masculino e temos que
aturar cun amable sorriso a condescendencia con que os homes nos explican cousas
nas que nós probablemente sexamos especialistas, e se non o somos, como mínimo
sabemos tanto coma eles. Atopámonos dubidando das nosas propias certezas só
porque algún iluminado nos di que é mentira. E isto é importante sabelo para ir
gañando as batallas e non ter que empezar desde o principio cada vez.
Sabemos a verdade pero tentan que a calemos, e se non o conseguen, arranca o
descrédito. Incomodar ao sistema dicindo a verdade pode pagarse caro pero non hai
opción, temos que batallar. A violencia é de todos e de todas, é da sociedade en si
mesma. Facela visible en toda súa dimensión molesta. Os privilexios funcionan mellor
cando están ocultos.
Pero os froitos da verdade son saborosos e pagan a pena. Por unha banda,
construímos unha cadea de mans imaxinaria que empurra de nós para arriba. A
sensación de que todas somos parte dun mesmo sentir pode cambiar o mundo para
mellor.
E por outra banda recoñecemos aos homes que amamos, eses homes que meditan
sobre o que pasou no patio de seu colexio e valentemente piden perdón. Homes fortes
capaces de ser compañeiros en pé de igualdade. Tamén recoñecemos aos que non
amamos, aos fráxiles, aos medrosos, aos covardes, que se senten ameazados cando as
mulleres describimos os acosos, a condescendencia ou a violencia. A eses homes non
os queremos. Sempre existirán, pero acabarán sós perdidos polo deserto. Ese é o
desafío das mulleres e dos homes que amamos.