Os premios Ernestina Otero poñen o ramo aos actos do 25N

  • 300 comercios e negocios e 3.200 escolares mobilizáronse contra a violencia de xénero

A entrega dos Premios Ernestina Otero – promovidos pola Concellería de Igualdade co fin de incorporar a perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster para os alumnos das universidades galegas- porán hoxe o ramo aos actos contra a violencia de xénero desenvolvidos polo concello co gallo do 25-N. Será na Casa da Luz, ás 19.00 horas.

A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, fixo balance das campañas do 25-N coas que quedou acreditado o rexeitamento social á violencia de xénero e tamén visibilizada a pirámide da violencia que ten ás mulleres como vítimas.

A campaña #PrimAcaso nas redes (facebook e twitter) “mudou a mirada” sobre a violencia de xénero, subliñou a concelleira Carmen Fouces. Máis de 1.500 comentarios en primeira persoa, 1,5 millón de contas acadadas e máis de 4 millóns de impactos falan da repercusión da campaña que tiña como obxectivo denunciar a primeira situación de acoso, trato vexatorio, humillación o menosprezo vivido polo feito de ser muller.

Pontevedra sumouse á campaña “En negro contra a violencia de xénero” desenvolvida por 17 concellos de Galiza e que tinguiu de negro os comercios e negocios locais. En Pontevedra foron arredor de 300 os establecementos que participaron da iniciativa de Pontevedra en negro.

Repartíronse máis de 1.500 camisetas, máis de 300 cartaces, máis de 2.000 metros de cinta “policial” contra a violencia de xénero, 300 paraugas ademais de pegatinas e vinilos. Os establecementos quedaron con camisetas e cintas co fin de que volvan a tinguirse de negro se houbese algún novo caso de asasinato machista.

A concelleira de Igualdade tamén agradeceu á comunidade educativa a súa implicación na campaña do 25-N. A cadea humana feita por escolares sumou 3.200 nenas e nenos.

Premios Ernestina Otero:

Na categoría Traballos de Fin de Grao:

  • O impacto da Coeducación no desenvolvemento persoal. Autora: Tamara Fernández Amosa.  Un Traballo que aporta unha boa metodoloxía e unha boa proposta de intervención partindo dun diagnóstico inicial. Existe ademais unha autoavaliación na que se recollen propostas de mellora nun campo tan prioritario de traballo como é o educativo.
  • A Educación Afectivo-Sexual en persoas con diversidade funcional e intelectual. Autora: Bárbara Penas Rey. Pola súa valentía no tema que trata poñendo o foco nunca realidade que normalmente se agacha. Visibilizando unha realidade que nos se quere ver e dando voz ás e os protagonistas fomentando a súa autonomía.
  • Escola de Igualdade: Proxecto de formación en igualdade de xénero para o monitorado de “Noites Abertas”. Autor: Ignacio Márquez Collazos. Un traballo práctico que avalía unha experiencia que xa está en marcha propoñendo vías de mellora. Metodoloxicamente utiliza o esquema Investigación-Acción-Participación dando voz as/os participantes.

Na categoría Traballos de Fin de Máster:

  • As bruxas non me dan medo (o que me dá medo son os fillos de puta). O concepto “bruxa” na creación audiovisual contemporánea. Autora: Rebeca López Villar. Partindo dun estereotipo aborda a bruxa como concepto, desmitificándoo e deconstruíndo o imaxinario existente para resignificalo dende unha óptica feminista. O traballo conta con contido audiovisual o que o dota dunha parte practica moi interesante para o traballo posterior. Pon de manifesto a importancia da obra artística para a difusión das mensaxes.