NÓS- Feminino Plural, a muller artista centra a campaña do 25-N

A visibilización e empoderamento das mulleres artistas guía a campaña do próximo 25-N, que promoven o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial coa coordinación da firma local “Martina Dadá”. Baixo o lema NÓS-Feminino Plural porase en marcha un “ambicioso e amplo” programa cultural de actividades dirixidas a crear conciencia social, combater a violencia machista e avanzar na igualdade.

Poesía, perfomance, debate, música, roteiros pola cidade, teatro, un concurso e a presentación do libro “Invisibles”- sete historias de mulleres maltratadas polas súas parellas- terán cabida en NÓS, cuxas actividades desenvolveranse do 14 ao 22 de novembro.

A concelleira de Igualdade, Carme Fouces, presentou hoxe a campaña do 25-N acompañada polo deputado provincial Xosé Leal e Bea Mazaira, coordinadora da programación.

A loita contra a violencia de xénero e a prol da igualdade é unha prioridade para o Concello de Pontevedra, cuxo CIM (Centro de Información a Muller) atende arredor de 700 mulleres vítimas de violencia machista ao ano. Ademais conta cun programa pioneiro de atención a fillos e fillas de mulleres.

A concelleira de Igualdade, Carme Fouces amosou a súa preocupación polo incremento detectado de casos de violencia machista que teñen como vítimas a mozas cada vez máis novas. Unha realidade que levou ao Concello a promover a creación dos Consellos da muller nova nos institutos da cidade.

Campaña 25 N 2017Campaña 25N 2017Campaña 25 N 2017Campaña 25 N 2017