“Invisibles” sete historias de mulleres vítimas da violencia machista, no centro da campaña municipal do 25-N

  • O Teatro Principal acolle hoxe 22 de novembro, ás 20.30 horas, a presentación do libro de Montse Fajardo que guiará a reflexión sobre o maltrato, o inferno no que calquera muller pode caer

O Teatro Principal acollerá mañá 22 de novembro, ás 20.30 horas, a presentación do libro
“Invisibles” da escritora e periodista Montse Fajardo, no que será o acto central da campaña do 25-N – Día Mundial contra a violencia de xénero- que o Concello organiza
cada ano co obxectivo de poñer o foco, debater e reflexionar arredor da violencia
machista. A presentación do libro estará arroupada pola música de Eladio Santos e Gaudi
Galego

“Invisibles” recolle sete historias de maltrato, sete historias de mulleres vítimas da
violencia de xénero -superviventes ou non- coas que “se quere visibilizar o invisible”,
segundo indicou a concelleira de Igualdade, Carme Fouces durante a presentación aos
medios do libro, na que estivo acompañada pola autora e polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Carme Fouces subliñou que o traballo desenvolvido para chegar a “Invisibles” amosa que:
“non hai un patrón para estar nese inferno”, calquera muller pode acabar sendo unha
muller maltratada; que chegou a hora de poñer o foco sobre os agresores e non só sobre
as vítimas, sobre a comprensión social que aínda xustifica a certo tipo de violencia contra
as mulleres e que é necesario reflexionar sobre a actitude das persoas que están arredor
das vítimas e dun xeito especial das que se posicionan (por relación persoal, profesional,
familiar…) ao carón dos agresores.

“As sete historias son exemplos do que acontece” subliñou a concelleira de Igualdade. Un
resume que asume a autora do libro.

Montse Fajardo deu as grazas ás sete mulleres que puxeron a súa historia a dispor dunha
obra coa que se fai un percorrido polos distintos tipos de maltrato (físico, psicolóxico, afastamento da contorna….) e ao Concello polo seu compromiso no combate contra o
machismo e a prol da igualdade. A escritora indicou que tamén quixo pór o foco na
descendencia das vítimas da violencia de xénero “na viaxe ao terror das nenas e nenos
que teñen que pasar tempo ou convivir cos pais maltratadores”.

Pola súa banda, Miguel Fernández Lores apuntou que “levamos séculos vivindo nunha
sociedade machista, na que violencia contras as mulleres repítese a aínda así se non tes
relación directa con persoas maltratadas… pasa desapercibido”. O alcalde agarda que o
libro sirva para botar luz sobre o sufrimento das mulleres, sobre o maltrato e a
problemática que hai arredor. “Hai que loitar para rachar con esta lacra, e obriga de todas
e todos construír unha sociedade máis xusta, democrática e igualitaria”, engadiu.

O Concello de Pontevedra adquiriu un lote de “Invisibles” de Montse Fajardo para
distribuír o libro polos centros educativos e sociais. A obra estará a venta nas librerías a
partir do 24 de novembro.