22 de febreiro, Día Internacional da Igualdade Salarial

Neste 22 de febreiro, Día Internacional da Igualdade Salarial, temos que lembrar que a fenda salarial das traballadoras galegas supera o 21%, mentres a das pensionistas é do 36% *

En 2017 o 22,2% das mulleres en Galicia viviron por debaixo da liña da pobreza, practicamente 1 de cada 4; segundo o 59% das persoas perceptoras do RISGA en Galiza, foron tamén mulleres, unha porcentaxe que se eleva ao 94%, no caso de familias monoparentais perceptoras do RISGA (datos do Ministerio de Asuntos Sociais).

O 37% das traballadoras non chegan ao SMI. As mulleres en Galiza ingresan de media, bruto anual, 16.123 €, mentres os homes ingresan 20.554 €, o que sitúa a fenda salarial no 21,5% (datos da Axencia Tributaria). Nos tramos de menores ingresos, até 1,5 veces o SMI, o número de mulleres é moi superior ao dos homes. Porén, a medida que se pasa deses ingresos a porcentaxe de mulleres vai descendendo até que, no último tramos, que se corresponde coas persoas que perciben 10 veces o SMI, tan só hai un 17% de mulleres, mentres que o 83% son homes.

Nestas cifras inflúe tamén o tipo de contrato ou xornada realizada polas traballadoras. As mulleres ocuparon o 77,3% do total dos traballos a xornada parcial no ano 2018. Ano no que, ademais, a taxa de temporalidade masculina se situou no 25,6% mentres que a feminina foi do 27,5%.

Todo isto orixina que a fenda salarial chegue tamén ás pensións. En 2017 a diferencia foi do 36,6%, polo que en termos absolutos unha pensionista galega ingresou 5.000 euros menos ao ano. Esta fenda nas pensións prodúcese como consecuencia de que ao final da vida laboral as mulleres cotizaron, de media, 10 anos menos o que xunto ás máis baixas bases de cotización provoca que as súas pensións sexan moi inferiores.

(*) Informe de “Situación sociolaboral das Mulleres en Galiza (ano 2018)” (CIG)