O Concello de Pontevedra organiza un acto de celebración do Día de Rosalía baixo o lema “Cantare, galegas!” que terá lugar o vindeiro domingo 24 de febreiro ás 12.00 horas, no Sexto Edificio do Museo.
O fío condutor da celebración será o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que escribiu a xornalista e poeta Ana Romaní. No texto invócase o compromiso social da obra rosaliana, a denuncia das inxustizas, a identificación co idioma e con Galiza, a defensa das clases populares e a loita contra o machismo. E nesta liña reivindicativa, trae a actualidade os textos de Rosalía para combater as discriminacións e a violencia que sofren as mulleres.
No acto actuarán a cantautora Ugia Pedreira, que fará unha performance titulada “Rosalía, o ramallo da Pedreira” a partir de textos rosalianos, e o grupo musical A Banda da loba.