A achega do espectáculo Invisibles, ao público dos centros de ensino medio con representacións en grandes espazos escénicos foi merecente dun dos Premios Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña.
Invisibles, unha iniciativa do Concello de Pontevedra, a compañía Redrum Teatro e o Centro Dramático Galego, é o único proxecto de artes escénicas premiado, dentro dun palmarés que recompensa, maiormente, proxectos audiovisuais.
Invisibles, que vén de gañar tres Premios María Casares o pasado mes de marzo (dirección, adaptación-tradución e iluminación), é unha adaptación do libro do mesmo título da xornalista Montse Fajardo. Dirixida por Marián Bañobre, recolle o relato de sete vítimas reais do maltrato. Trátase dunha peza que sitúa tres mulleres distintas (interpretadas por Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez) nun lugar indeterminado e que busca que non haxa máis mulleres invisibles vítimas de violencia de xénero.