Beatriz Maceda Abeleira, gañadora do II Premio María Victoria Moreno


A escritora galega Beatriz Maceda Abeleira resultou gañadora do segundo Premio María Victoria Moreno coa obra presentada baixo o título de “Ardora”. A autora recibirá 4.000 euros, a dotación económica do galardón que aporta o Concello de Pontevedra, e a publicación do taballo por parte de Urco Editora, a outra promotora do certame.

A obra gañadora foi seleccionada por maioría entre as 17 pezas “nas que a narrativa e a fantasía foron os xéneros predominantes, non habendo ningunha representación -como si houbo o ano pasado- de poesía ou teatro.”, suliñou a organiación.

Beatriz Maceda é autora de títulos como “Cando John Lennon coñeceu a Valle Inclán” ou “Man. O alemán de Camelle” e o xurado destacou da súa obra o seu “compromiso co ecoloxismo e coas novas formas de convivencia, a construción duns personaxes secundarios de gran relevancia, o emprego responsábel das novas tecnoloxías e sobre todo salienta a empatía co seu público potencial: o lectorado que está nos primeiros anos da adolescencia.”

Formaron parte da equipa calificadora do premio Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno, Antonio Sambade Caamaño, alumno do IES Torrente Ballester, Anxos Rial en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, gañador da edición anterior, Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora e David Cortizo Conde, de Urco Editora, que actuou como secretario.