Ao acto de presentación desta iniciativa acudiron representantes de todos os grupos políticos con representación na corporación municipal, ademais de representantes dos colectivos Avante e Arelas.
“Queremos unha Pontevedra que abrace todas as cores do arco da vella da diversidade”, dixo a concelleira de Igualdade, Paloma Castro que explicou que un dos obxectivos que persegue o goberno local do Concello de Pontevedra é “que todo o mundo poida expresar a súa orientación sexual en liberdade” e rexeitou calquera tipo de actitude que non respecte a diversidade.
“Entendemos que Pontevedra ten que dar un paso adiante” dixo Paloma Castro avanzando que impulsarán “políticas que sensibilicen e que conciencien á xente sobre Igualdade”.
Finalmente a concelleira animou a toda a cidadanía a participar na concentración convocada para o vindeiro venres 28 ás oito da tarde na praza da Peregrina con motivo do Día do Orgullo LGTBI.