A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, presentou unha das iniciativas que se van poñer en marcha no marco da campaña contra as violencias machistas durante as Festas da Peregrina, e que consistirá na instalación dun punto de atención ao que poderán acudir as mulleres que se sintan nunha situación de acoso ou agresión durante as festas.
Este punto morado estará instalado na Praza de Ourense, nas escaleiras de San Francisco os días de Peñas, 10 e 11 de agosto e contará cunha psicóloga e unha promotora de igualdade, que darán asesoramento e apoio a posibles vítimas de acoso ou agresión sexual. O resto das festas haberá un punto de información no edificio do Concello na rúa Michelena.
A maiores, grupos de voluntarias con chalecos morados da campaña percorrerán todas as zonas da cidade e informarán e concienciarán ao público. Tamén actuarán ante calquera situación de risco que poida encontrar, neste caso, trasladando o sucedido ao punto morado e alertando ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.