“Sen o meu si, non”, nova campaña de prevención da violencia sexual

Baixo o lema “Sen o meu si, non”, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, presentou onte a nova campaña de concienciación, prevención e loita contra a violencia sexual do Concello de Pontevedra.

Dentro desta campaña, na que se inclúe a instalación de Puntos Morados durante os días de maior afluencia das festas da Peregrina, farase reparto de material informativo sobre a violencia sexual tanto nas rúas durante as festas como en centros sanitarios e educativos ao longo dos vindeiros meses.

Ademais divulgarase o vídeo “coas violencias machistas nin de broma”, protagonizado pola actriz Isabel Risco no que se denuncia como comportamentos cotiáns considerados “de broma” contribúen a apuntalar a violencia machista na sociedade e que se proxectará antes de cada concerto durante as Festas.

Esta campaña quere incidir en que estas condutas e micromachismos están tan normalizadas que pasan desapercibidas e haille que poñer freo porque que alimentan a cultura da violación.

Desde a concellería de igualdade do concello de Pontevedra tamén se está a elaborar un protocolo de actuación para casos de violencia sexual, confeccionado por profesionais en igualdade e persoal do Centro de Información á Muller que será levado para a súa consulta e aprobación á Mesa técnica de coordinación contra a violencia de xénero.