Os Vermús do Programa municipal Pinto e Maragota volven o sábado 21 de setembro coa ‘poética diversa’ de Daniel Asorey. O poeta e narrador recitará diversos poemas incluídos na obra Transmatria, publicada recentemente pola editorial Xerais e galardoada en 2018 co Premio Johan Carballeira de Poesía.
Tal e como avanzou a concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, neste novo espectáculo reivindicativo, que dará comezo ás 12.30 horas e que terá como esceario o Campiño de Santa María, “a poesía de Asorey estará en diálogo coa voz e a música que interpretará a cantante Sanny”. Unha vez máis, a iniciativa conta coa colaboración da hostelería da cidade, neste caso do bar Pavero, que ofrecerá prezos especiais nos vermús.
Paloma Castro lembrou que o principal obxectivo dos Vermús de Pinto e Maragota é o de “empregar propostas culturais e de lecer nos espazos públicos de Pontevedra, principalmente ao ar libre, para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de coñecer, achegarse, respectar e empatizar co colectivo LGTBI”.
Os poemas de Transmatria supoñen unha defensa da dignidade das identidades sexuais e de xénero, empregando unha linguaxe que busca renacer, renovarse e ser libre. O ton reivindicativo que envolve o libro erixe naturalmente un canto esgazador a prol do dereito a vivir, a sentir e a termar do propio futuro.
Sanny é unha cantautora de Vigo cun estilo próximo ao folk americano, que, acompañada de guitarra e harmónica, conta cun repertorio no que combina cancións propias con versións de artistas como Bob Dylan, Bruce Springsteen ou a Creedence Clearwater Revival.