Este 4º Plan de Políticas de Xénero ten como obxectivo xeral dotar ao Concello de Pontevedra dun marco de actuación en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes durante o período 2019-2021.
Fundaméntase na experiencia adquirida no desenvolvemento dos plans anteriores e nas avaliacións dos mesmos, especialmente na do 3º Plan, así como no importante proceso participativo e de colaboración a nivel interno e externo.
O novo Plan municipal estrutúrase en catro liñas de intervención: Participación e Acceso á Información e aos Recursos; Promoción da Igualdade entre Mulleres e Homes; Abordaxe Integral da Violencia de Xénero e, como novidade, Saúde, Sexualidade e Xénero, coa finalidade de avanzar na inclusión da diversidade sexual e de xénero, asumindo o reto de incorporar a realidade das persoas LGTBI na axenda política de igualdade municipal.
No eido da saúde, a sexualidade e o xénero, o novo Plan contempla a incorporación da perspectiva sexual e da diversidade en tódalas accións da Concellería, estando prevista a creación dun Centro de Información en materia LGTBI e de orientación e asesoramento afectivo-sexual semellante ao CIM no ámbito da muller.
En relación ao Centro de Información á Muller, a concelleira de igualdade, Paloma Castro, manifestou a intención de potenciar o seu papel e de incidir na “información e sensibilización como ferramentas para loitar contra a violencia de xénero, especialmente entre a poboación máis nova”.
De cara a promover a participación das mulleres e fortalecer os valores igualitarios artellaranse estratexias que faciliten a inclusión das mulleres nas actividades desenvolvidas pola Área de Igualdade e incidirase no impulso do Consello da Muller Nova.