Programa de actividades organizadas polo 25-N

Esta semana presentouse o calendario de actividades organizadas pola Concellería de Igualdade con motivo do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O programa arranca o próximo luns 11 de novembro coa difusión da campaña “Percorrido á Liberdade. Como saír das violencias machistas”, destinada a axudar ás vítimas de violencia de xénero a coñecer o itinerario cos pasos a seguir e os recursos dispoñibles de forma gráfica. Dentro desta campaña, intalaranse mupis na cidade e farase reparto de carteis e folletos informativos en xulgados, centros de saúde, hospitais, comercios, centros sociais e outros edificios públicos.

O programa terá continuidade o día 14 de novembro pola mañá no Teatro Principal, que será escenario da entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo 2019, cos que se pretende galardoar os mellores proxectos educativos a prol da igualdade desenvolvidos polos centros do concello e da actuación da escritora e actriz Baia Fernández de la Torre. Este evento, destinado ao alumnado de colexios e institutos, é de carácter gratuíto e está aberto ao público en xeral.

Segundo explicou Paloma Castro, o Concello de Pontevedra tamén se adheriu á campaña ‘En Negro Contra as Violencias’, baixo o lema ‘Pontevedra en Negro’, que comezará a facerse visible a partires do 18 de novembro mediante o reparto de carteis, camisetas e mandís, así como doutro material divulgativo, entre comercios, establecementos de hostalería e centros educativos. No marco da mesma, presentarase unha unidade didáctica de prevención da violencia de xénero baseada no libro Invisibles e, entre o 19 e o 25 de novembro, desplegarase unha pancarta na Casa Consistorial.

Para o día 21 de novembro está prevista a presentación dunha exposición fotográfica baixo o título ‘Desmontando o amor romántico’, na que participan diversas artistas galegas e que terá un carácter itinerante (por institutos, parroquias, centros culturais…), cunha instalación inicial na contorna Ferrería. O 23 de novembro ás 21.00 horas celebrarase no Teatro Principal un pase da obra teatral Pementeiras, aberta ao público en xeral e con entrada de balde ata completar aforo. 

A Praza da Ferrería acollerá o 25 de novembro o acto central da campaña En Negro contra as Violencias, no que se pretende implicar co alumnado dos centros educativos de Pontevedra. Tal e como indicou Paloma Castro, o programa pecharase o sábado 30 de novembro na Sala Almofrei da Casa Azul coa realización dun curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas. As interesadas en participar nesta actividade, impartida por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, xa poden inscribirse a través do teléfono 986 86 48 25 ou do email igualdade@pontevedra.eu.