A Casa das Campás acollerá este luns ás 17.00h, co gallo dos actos reivindicativos e de sensibilización do 25N, unha charla informativa que abordará a ‘Violencia de xénero dende o ámbito social e xurídico’. A concelleira de Igualdade e Benestar Social, a socialista Paloma Castro, será a encargada de presentar as ponencias, organizadas pola Asociación Boa Vida Inclusión Activa e impartidas pola avogada Maribel Álvarez e a traballadora social Viki Abadía.
Entre as cuestións que se van tratar neste ciclo sobre violencia de xénero inclúese a exposición dos tipos de violencia exercidos, as consecuencias da violencia en menores, os recursos dispoñibles para as mulleres e os seus dereitos sociais e xurídicos. Durante o evento tamén se dará a coñecer a Guía de Axudas e Servizos Sociais que a Asociación Boa Vida e a Concellería de Benestar Social acaban de publicar para facilitar o acceso personalizado á información acerca das subvencións estatais, autonómicas e municipais, así como sobre as entidades sen ánimo de lucro que traballan na nosa cidade.