Os próximos venres 26 e sábado 27 de xuño celebrarase de xeito “on line” a terceira edición do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, un encontro de xornalistas que neste ano 2020 vivirá unha edición diferente aos encontros anteriores con motivo da crise do coronavirus.
A iniciativa foi presentada o pasado xoves polas organizadoras do evento, as xornalistas pontevedresas Susana Pedreira e Diana López Varela, xunto coa presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
En palabras de Susana Pedreira, a pesar das dificultades, “non podiamos deixar de celebrar este encontro, pois a crise do coronavirus deixou á vista unha maior precarización do xornalismo, co cal apostamos por que o contexto de crise que viviu o noso sector durante o confinamento fose o telón de fondo “. Partindo desta base, buscouse traer foro de debate “a mulleres que foron moi activas no mundo da comunicación durante a emerxencia sanitaria e reivindicar o xornalismo local, pois as xornalistas de aquí foron a voz e os ollos dos pontevedreses cando estabamos confinados”.
A crise do coronavirus e as súas consecuencias na profesión serán o marco no que as invitadas reflexionarán neste foro deseñado desde Pontevedra e que reúne a mulleres de diferentes xeracións e perfís, todas elas profesionais do xornalismo e da escritura.
Para poder participar no encontro virtual precisarase inscripción previa, que se poderá formalizar antes do próximo 23 de xuño nas páxinas web do Concello e da Deputación, co que se recibirá un enlace para conectarse a través de Zoom.
Programa completo: