Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020

A Concellería de Igualdade ven de presentar o intenso programa de actividades reivindicativas, lúdicas e culturais para tódalas idades e públicos deseñado con motivo da Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020 que arrancará coa presentación da instalación artística ‘Non á plumofobia’ no balcón da Casa Consistorial o vindeiro luns 22 de xuño ás 12.00 horas.

Entre os actos organizados inclúense a celebración dun Contacontos Diverso e dun San Xoán Travesti no Gastroespazo do Mercado de Abastos, a realización de arranxos florais coa bandeira multicolor nos xardíns das prazas de España e Ourense, o fallo da obra gañadora do I Premio Literario pola Diversidade, o reparto de flyers informativos e máscaras nunha Caravana LGTBIQ+ e o esperado regreso dos Vermús de Pinto e Maragota á Praza da Verdura cun espectáculo protagonizado por MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz.

A Semana do Orgullo deste ano terá como eixo vertebrador o rexeitamento desa recorrente, retrógrada e inadmisible expresión de homofobia que é a plumofobia, polo que encheremos a cidade de plumas de cores, sintéticas por suposto, comezando polo propio Consistorio.

O programa foi presentado onte na Praza da Peregrina, onde estivo aparcada a Caravana LGTBIQA+, pola concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro; a responsable do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) do Concello de Pontevedra, Ada Otero; a psicóloga e sexóloga Mónica Novas, e a coordinadora do programa municipal Pinto e Maragota, Eva Mejuto.

A Caravana LGTBIQ+ volverá estar aparcada nas inmediacións da Praza de Ourense o venres 26 de xuño, no marco dunha campaña informativa e de sensibilización artellada dende o CIDES. Flyers, pulseiras, máscaras e pegatinas a prol da diversidade de sexo e xénero conforman o material que será repartido ao longo desta xornada por Ada Otero e Mónica Novas. “O material informativo -subliñan- lembra que 8 de cada 10 casos de violencia sobre persoas LGTBIQA+ non se denuncian e incide en cuestións básicas como non dar por feito o xénero das persoas que nos rodean; a existencia de tantas maneiras de ser gai, lesbiana, bisexual, heterosexual ou trans como persoas; a importancia da diversidade para axudarnos a aprender as diferenzas e a medrar sen prexuízos nin etiquetas, e o dereito de cada persoa a ser tratada tal e como ela se identifica a si mesma”.

Ada Otero animou a todos aqueles que sexan testemuñas dalgunha situación de acoso ou agresión cara persoas do colectivo LGTBIQA+ a denuncialo, lembrando o teléfono de contacto do CIDES (676 09 73 39) e o seu correo electrónico ‘cidespontevedra@gmail.com‘.