O Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade atende solicitudes a través do teléfono 676 097 339, a dirección de correo electrónico ‘cidespontevedra@gmail.com‘ e as principais redes sociais: Facebook (CIDESpontevedra), Instagram (@cidespontevedra) e Twitter (CIDESpontevedra).
Nunha comparecencia celebrada onte, a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, xunto coa coordinadora do CIDES, Ada Otero, fixeron balance do medio ano de vida deste centro municipal pioneiro.
A pesar de poñerse en funcionamento tan só uns días antes de que se decretase o estado de alarma pola pandemia da Covid-19, o CIDES de Pontevedra atendeu a un total de 33 persoas durante estes primeiros seis meses de funcionamento. A meirande parte dos contactos, até un 33%, debeuse á demanda de orientación persoal, solicitudes de axuda ou resolución de dúbidas en materia de identidade, consellos para saír do armario, tratamentos hormonais ou cuestións xurídicas. Outro bo número deles (un 24%) estivo vencellado co denominado servizo de ‘Lectora Sensible’, destinado a revisar e orientar traballos e creacións literarias e artísticas sobre temática LGTBI e que permitiu un tratamento axeitado, tanto dende o punto de vista da linguaxe como da información exposta, de artigos de prensa, curtas cinematográficas e, en especial, másteres e traballos de fin de grao de estudantes sobre as máis variadas cuestións de diversidade.
Segundo explicou a edil socialista, un 9% dos contactos tivo que ver con dúbidas sinxelas, isto é, con usuarios que plantexaron cuestións moi concretas (as máis frecuentes sobre a realidade trans) resoltas en poucas palabras, e “outro 9% con asociacións e institucións que se puxeron en contacto co CIDES para organizar actividades e construír canles de comunicación que nos axuden mutuamente”.