Construír a resiliencia das mulleres rurais a raíz do COVID-19
O 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data instaurada pola Organización de Nacións Unidas (ONU) na que se conmemora e recoñece a función e contribución decisivas da muller rural á promoción do desenvolvemento agrícola e rural, á mellora da seguridade alimentaria e á erradicación da pobreza.
O lema deste día en 2020 é “Construír a resiliencia das mulleres rurais a raíz do COVID-19”, para crear conciencia sobre as loitas destas mulleres, as súas necesidades e o seu papel fundamental e clave na nosa sociedade nun momento no que, a pesares de todas as dificultades, estiveron ao pé do canón na pandemia, incluso cun traballo de coidados non remunerado que se veu incrementado.
En Galicia resulta case imposible entender o rural sen falar da figura das mulleres. Ser muller, galega e do rural significa enfrontarse cada día a unha situación de desigualdade de xénero, derivada do illamento da poboación, e moitas veces, do acceso aos recursos.
Para acadar a igualdade entre mulleres e homes no rural galego é preciso garantirlles a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral, facilitar a conciliación das esferas persoal, profesional e familiar, así como impulsar a súa capacidade de emprendemento, promocionando e dinamizando novas iniciativas sociais e empresariais que axuden ás mulleres a romper cos obstáculos que se lles presentan no día a día, a acceder a postos de responsabilidade e participar plenamente na toma de decisións a todos os niveis.
Mención aparte merece a abordaxe da violencia de xénero no ámbito rural, que se caracteriza pola invisibilidade, a dificultade de acceso aos recursos, a ausencia de recursos especializados e a falta de concienciación social. Vivir en círculos pequenos, onde todo o mundo se coñece e “o que dirán” ten mais peso, a escaseza de oportunidades laborais e a sobrecarga dos traballos de coidados que recaen maiormente nas mulleres, fai que as vítimas de violencia sufran múltiples dependencias do agresor e tarden mais en romper o seu silencio. Non significa que no rural haxa máis violencia senón de que no rural as vítimas son máis vulnerables.
A suma de todos estes factores motiva que o éxodo rural sexa principalmente de mulleres.
Queremos visibilizar ás mulleres do rural que sostiveron e sosteñen en gran parte a vida dos pobos coas súas mans, e que se lles asegure unha protección total dos seus dereitos para un futuro rural vivo, un futuro de igualdade e calidade de vida en base a un equilibrio territorial.
Porque sen oportunidades para as mulleres, non haberá futuro para o medio rural; porque sen mulleres, non haberá rural.