Os xardíns das prazas de España e A Ferrería súmanse aos actos reivindicativos e conmemorativos organizados con motivo do 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con sendas intervencións que se fan eco do lema central da campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (‘Xa abonda de minutos de silencio’) e que lembran ás 1.074 vítimas mortais que o machismo se levou por diante dende que hai datos rexistrados (2003).
Deste xeito, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, a través do seu proxecto ‘Xardíns que falan’, volve empregar as zonas verdes da cidade, como xa fixera no marco da Semana do Orgullo LGTBI, para poñer de manifesto de xeito ben visible o posicionamento deste Concello, debuxando dous grandes lazos a base de plantas e flores de cor morado.