A exposición da mostra fotográfica, resultado do obradoiro ‘Namórate de tí’, xa se pode ver nos escaparates de doce establecementos da rúa Oliva: My Vintage Clothes, Liberatta Pontevedra Moda Casual, Óptica Martínez, Magdalena Salá, Nalatcha, Tito de la Peña, Sargadelos, Torrado, Mepiachi, Joyería Ferse, Joyería Suárez e Silueta Tallas Diferentes. Esta é unha iniciativa da Concellería de Igualdade de Pontevedra e o Centro de Información á Muller, con motivo da conmemoración do 25N e poderá desfrutarse durante un mes nesta enorme sala de mostras a pe de rúa da que podemos dispoñer grazas á colaboración das tendas da Oliva.
Consta de vinte fotografas realizadas no obradoiro no que participaron sete mulleres en situación de desemprego, risco de exclusión, vulnerabilidade ou vítimas de violencia de xénero, que escolleron ademais as fotografías, os seus títulos e elaboraron os textos que as acompañan. O obxectivo do obradoiro, impartido pola animadora sociocultural Tegra Gómez e a fotógrafa e creativa, Patricia Maquieira, era que aprendesen a quererse e valorarse a si mesmas utilizando a cooperación grupal.
Tres destas participantes tamén estiveron presentes durante a inauguración da exposición. Foi “unha experiencia fermosa, que volvería repetir e que me permitiu sentirme libre e seguir loitando”; “a vivencia resultou formidable e a sesión fotográfica fíxome sentir xenial e moi liberada, recomendo a todo o mundo apuntarsea vivir esta experiencia”, comentaron durante o acto inaugural.