Co obxectivo de conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a Concellería de Igualdade desenvolverá, en colaboración co portal de divulgación científica Gciencia, dúas mesas redondas online que porán o foco en dúas temáticas de absoluta actualidade: unha analizará o impacto que tivo e ten a Covid-19 no traballo que realizan as investigadoras e a outra como afecta a pandemia ao Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), impulsor das vocacións nestes ámbitos con perspectiva de xénero. O primeiro dos foros de debate, que leva por título ‘Investigar en Pandemia’, terá lugar o mércores 10 de febreiro, e o segundo, baixo o epígrafe de ‘STEMbach en tempos da Covid’, o xoves 11 de febreiro. Ambos emitiranse a partir das 20:00 horas a través das canles de Youtube de GCiencia e do Concello de Pontevedra.
O programa conmemorativo foi presentado onte na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e a xornalista Begoña Márquez, que será a encargada de moderar os coloquios.
Yoya Blanco subliñou o feito de que “as temáticas elixidas, que non podían pasar por alto a realidade que estamos a vivir coa pandemia, servirán para reivindicar máis que nunca non só a importancia da investigación para a nosa sociedade, senón tamén o papel esencial que están a xogar as mulleres científicas na investigación do virus e no desenvolvemento de vacinas”. “A investigación en feminino -asegurou Blanco- está a reclamar o seu lugar nesta pandemia e este momento tan complicado é unha oportunidade para poñer o foco sobre esas científicas valentes que nos están a salvar literalmente a vida”.
As mesas redondas contarán con científicas, doutoras universitarias, investigadoras e mestras de primeiro nivel. Así, segundo avanzou Begoña Márquez, no coloquio sobre ‘Investigar en Pandemia’ estarán como convidadas Elena Cartea González, doutora en Bioloxía pola USC e directora da Misión Biolóxica de Galicia; Inés Viana González, investigadora do Instituto Español de Oceanografía; Susana Cid Fernández, doutora en Neurociencia e Psicoloxía Clínica pola USC; e Águeda Gómez Suárez, doutora en Socioloxía e coautora do informe ‘Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos da Covid-19’, que recolle, dun xeito cuantitativo e cualitativo, as consecuencias da pandemia no traballo científico.
A mesa titulada ‘STEMbach en tempos da Covid’ contará con Esther Padín Vidal, profesora de Matemáticas do IES A Xunqueira II, coordinadora do Bacharelato STEM neste centro e titora de varios proxectos de investigación dirixidos desde as universidades de Vigo e Santiago, así como colaboradora en diferentes iniciativas de innovación (Club de Ciencia, Espazos Maker, Semgal ou o proxecto Erasmus+ ATS STEM); Ángela Soto Lamas, alumna de 1º de Bacharelato STEM no IES A Xunqueira II que investiga coa facultade de Bioloxía no proxecto ‘Análise bioinformático dun xenon bacteriano; Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado da UVigo, e as voceiras do CIM, Rosa Campos e Mercedes Renda, que abordarán a influencia que teñen os roles de xénero na elección das carreiras universitarias.