O foro de debate organizado polo Concello de Pontevedra co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia péchase hoxe, 11 de febreiro, ás 20 horas, cunha mesa redonda sobre o STEMbach en tempos da Covid. O Bacharelato de excelencia en Ciencia e Tecnoloxía combate os estereotipos de xénero que retraen o interese das nenas pola ciencia e a investigación e fomenta as vocacións científicas das mozas.
O debate será na rede e poderase seguir na rede en directo, a través das canles de Gciencia (Facebook, Youtube) e do Concello de Pontevedra.
Os tempos de pandemia, coas súas restricións, foron complicados para o desenvolvemento do STEMbach que inclúe na formación do seu alumnado un proxecto de investigación en colaboración coa Universidade e actividades extra-curriculares. Porén tamén puxo o foco sobre a importancia da investigación, do coñecemento e da ciencia cando hai que dar respostas de calado a emerxencias como a que vivimos, unha realidade da que as mulleres non poden quedar á marxe e que fai necesaria una reflexión como a que hoxe propomos na mesa de debate na que participarán Esther Padín Vidal, profesora de Matemáticas do IES A Xunqueira II e coordinadora do bacharelato STEM no centro, Ángela Soto Lamas, alumna de 1º de bacharelato STEM no IES A Xunqueira II, Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Rosa Campos Briones e Mercedes Renda Melón, directora e axente de Igualdade do CIM, respectivamente, do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Pontevedra.