O programa da cuarta edición do Encontro ‘As Mulleres que opinan son perigosas’, que se celebrará o venres 5 e o sábado 6 de marzo foi presentado o pasado martes no Teatro Principal nun acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto coas xornalistas promotoras, Susana Pedreira e Diana López Varela, a concelleira de igualdade, Yoya Blanco e a deputada provincial de Igualdade, Vicky Alonso.
Dezaseis das xornalistas máis potentes a nivel local, nacional e internacional, entre elas premios Pulitzer e premios Ondas, directoras de medios ou xefas de sección, conforman o cartel da cuarta edición do foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, organizado unha vez máis de forma conxunta pola Deputación e o Concello de Pontevedra, que neste 2021 volve ser telemático e chega, se cabe, con máis forza que nunca.
As xornadas, que naceron hai tres anos en Pontevedra da man das xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela en resposta á ausencia de mulleres columnistas invitadas nun debate en León, regresarán os días 5 e 6 de marzo como o mellor limiar ás celebracións do 8M con sete horas de debate e un total de doce relatorios “para tomar a palabra nas redes”, con voces tan recoñecidas como Esther Palomera, Almudena Ariza ou Mar Cabra.
No acto de presentación, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores dixo que “é imprescindible seguir a visibilizar e denunciar publicamente a situación de discriminación en que se atopan as mulleres, e os e as responsables políticas temos a obriga de facelo, ao igual que os medios”, sobre todo tendo en conta que “no século XXI segue a haber negacionistas do machismo, ao igual que do fascismo ou o franquismo”. “Espero que haxa un seguimento grande de todos os debates, que sexan proveitosos e que signifiquen que no futuro teñamos unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa cos dereitos de todas as persoas, empezando polas mulleres, que teñen toda a razón do mundo en reivindicar esa igualdade”. Ademais, asegurou que “eu persoalmente, como alcade de Pontevedra, estou moi orgulloso que de esta iniciativa xurdira nesta cidade e que, ao igual, que estamos na vangarda da mobilidade ou na da loita contra o cambio climático, esteamos tamén na vangarda da loita feminista”.
Pola súa banda, a presidenta provincial Carmela Silva asegurou que “este é un acto de resistencia” e “unha das mellores ideas non só na nosa provincia e en Galicia, senón no conxunto do Estado porque foi quen de facer que todo o mundo mirara cara a esta provincia” e destacou que cada edición supera á anterior. Tamén quixo reivindicar o foro como “un acto de denuncia, porque a situación non ten mellorado para as mulleres coa pandemia, todo o contrario, ten empeorado” e citou o caso da brecha salarial, os datos de desemprego feminino e o feito de que “as actividades e o tempo que temos que dedicar á nosa profesión e ao noso fogar ligadas aos coidados provoca un estrés insufrible que padecemos nós maioritariamente”. Pero concluíu cun mensaxe de optimismo, porque “as mulleres estamos aquí, seguimos opinando, reclamando e denunciando e poñendo unha mirada propia sobre o mundo que nos rodea”.
Relatoras
A xornalista Susana Pedreira, unha das promotoras do Foro, este ano incorpóranse novos temas e, deste xeito por exemplo estarán presentes a divulgación científica, “que ten máis forza que nunca”, así como o humor, o fotoxornalismo, “porque os e as fotoxornalistas durante o confinamento foron os nosos ollos”; a memoria e os podcasts. Pedreira referiuse tamén ao feito de que a celebración destas xornadas en liña está a permitir a creación dunha “biblioteca de contido on line na que as mulleres, a perspectiva de xénero e no noso caso o xornalismo son os protagonistas”. Deste xeito nesta cuarta edición enriquecerá ese fondo con outras sete horas de contido “que a xente vai poder ver en directo desde calquera lugar do mundo e que quedará almacenado na rede nas canles de Youtube tanto da Deputación como do Concello”. Engadiu que ata agora, as tres edicións anteriores superaron as 10.500 visualizacións das conferencias, que se sumaron á repercusión que tivo a cita nos dias de celebración e durante as emisións en directo. “A biblioteca que estamos a crear é como encher 24 veces o Teatro Principal; parécenos interesante seguir agrandando ese contido”.
Pola súa banda, Diana López Varela, que interveu telematicamente trala súa recente maternidade, destacou a presencia entre as relatoras de dúas premios Pulitzer, como son Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos papeis de Panamá, e que vai falar do “tecnoestrés xornalístico”, así como de Susana Vera, primeira fotoxornalista española en acadar o citado galardón.
O foro ten tamén entre as súas participantes a dúas das máis prestixiosas mulleres do xornalismo en España: Almudena Ariza, correspondente con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Así mesmo, terán voz xornalistas especializadas no mundo musulmán, como Ebbaba Hameida e participarán tres directoras de medios: María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas). Estarán tamén as responsables da sección de Economía dos principais xornais galegos, Mercedes Mora (Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo). Pola súa banda, Pampa García Molina falará de ciencia, e o mundo do humor estará representado por Henar Álvarez, mentres que a primeira correspondente de xénero do diario El País, Pilar Álvarez, falará das novas responsabilidades con perspectiva de xénero e María Jesús Espinosa de los Monteros do mundo dos podcasts. Do eido local, as xornalistas Belén López e Montse Fajardo abordarán o tema da cultura e a memoria neste ámbito.
O debate poderá seguirse polas canles do Concello e a Deputación de Pontevedra pero tamén está aberta a inscrición para velo por Zoom a través das webs de ambas administracións (ata o 4 de marzo), no caso de querer intervir e facer preguntas ao remate dos relatorios.