Coincidindo co 19 de febreiro, Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte, o Concello de Pontevedra presentou o vídeo “SEAREIRXS DA DIVERSIDADE” que se levou a cabo dentro do Programa municipal pola diversidade sexual PINTO E MARAGOTA.
A peza audiovisual, impulsada polas concellerías de Igualdade e de Deportes, contou coa participación de dez clubs deportivos da cidade pertencentes a disciplinas como fútbol, baloncesto, natación, ximnasia rítmica, taekwondo, esgrima ou balonmán e busca enviar unha mensaxe clara: a práctica deportiva está destinada a todas as persoas, sen ningún tipo de discriminación pola súa identidade ou orientación sexual, nin pola súa condición física, social ou cultural.
Tal e como asegurou durante o acto de presentación celebrado na Sala de Prensa do Teatro Principal a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o vídeo pretende realizar un chamamento a “formar parte dunha gran afección arredor do deporte como ferramenta de transformación, para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e respetuosa”. En presenza de deportistas e directivos de varios dos clubs participantes no spot, a edil socialista explicou que “o deporte é un dos espazos máis hostís para as persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQ+, debido a que seguimos a ver nestas prácticas actitudes machistas e discriminatorias pola identidade, orientación sexual ou pola expresión de xénero d@s deportistas”.
O acto de presentación do spot reivindicativo contou coa asistencia de Luis Santos Omil, da Asociación Juan XXIII; Maika Jarillo, do Club Treboada; Cristina Garrido, da Sociedad Ximnástica; Michele Estévez, do Club Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra; Cauë Herrera, da Sociedade Deportiva Teucro; e Francisco Abilleira, do Club Baloncesto Arxil. Segundo salientou Michele Estévez, “a elaboración deste vídeo é moi importante, non só para reflectir a presenza das mulleres no deporte, senón de todos e cada un dos membros que conforman o colectivo LGTBIQ+”.
O spot ‘Seareirxs da Diversidade’ xa pode visualizarse na canle de Youtube do Concello de Pontevedra a través do enlace: