Baixo o lema ‘Feminismo para cambiar o mundo’ foi presentado o programa de actividades organizadas polo Concello de Pontevedra con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O acto tivo lugar na Sala de Prensa do Teatro Principal e nel participaron a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e a artista encargada do deseño da campaña gráfica deste ano, Maru Astray. Tal e como expresou a edil socialista, a campaña deste ano fai fincapé “na necesidade de algo tan esencial como rachar os teitos de cristal”, xa que “xa que esta pandemia amosou unha vez mais que as mulleres seguimos estando a cargo dos coidados dos fillos e dos maiores na casa mesmo co teletraballo, e temos a maior precariedade laboral nestos tempos de ERTE, despidos, peches de empresas”.
A concelleira aproveitou o acto para “agradecer expresamente, neste ano de restricións sanitarias, aos colectivos feministas a súa loita e a enorme responsabilidade que tiveron fronte aos ataques indiscriminados que as mulleres estamos a sofrer por parte do fascismo e a ultradereita machista”. “Temos que dicir alto e claro que nós non imos frear, que imos seguir loitando polos nosos dereitos. As persoas demócratas, que cremos nunha sociedade xusta e igualitaria, temos que ser feministas”.
Neste ano a pandemia impedirá que se celebren manifestacións tan multitudinarias como as de anos anteriores, porén, cabe a posibilidade de que se celebren concentracións que cumpran coas restricións sanitarias. De todos os xeitos, as demandas feministas seguirán estando presentes con máis forza e sororidade que nunca a través dun programa de actividades que se estenderá ao longo de todo o mes de marzo e mesmo aos de abril e maio.
Os actos do 8M darán comezo o venres día 5 de marzo coa lectura dun manifesto na Sala de Prensa do Principal. A encargada de redactar e ler o manifesto será a xornalista Susana Pedreira, mentres que a Campaña Gráfica correu a cargo da ilustradora e deseñadora galega Maru Astray. A artista seguiu unha liña de imaxe potente, reivindicativa e chocante, cunha estética xuvenil. A continuación, nesta mesma xornada, despregarase unha lona co lema e as creatividades deseñadas para o 8M deste ano no balcón da Casa Consistorial (Praza de España), que irá seguida da distribución de carteis por establecementos comerciais, edificios públicos e mupis.
Coincidindo co despregue da pancarta, durante os días 5 e 6 de marzo desenvolverase de xeito telemático o 4º encontro ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’, con 12 ponencias protagonizadas por 16 xornalistas de primeiro nivel, nas que se abordarán novos temas como a ciencia, o fotoxornalismo, o humor, a memoria das mulleres e os podcast como nova linguaxe xornalística. As inscricións para participar neste novo encontro online xa están abertas, aínda non é imprescindible apuntarse, ao poder seguirse os relatorios en directo a través das páxinas web e as redes sociais do Concello de Pontevedra e da Deputación.
Os mércores 10 e 17 de marzo celebraranse, en colaboración coa Uned de Pontevedra, uns Faladoiros Literarios Feministas que, como avanzou Mercedes Renda, “serán emitidos online para toda España e Latinoamérica”. A primeira mesa redonda estará moderada pola xornalista Ana López (Faro de Vigo) e terá como protagonistas a Luz Darriba e Iria Vázquez Silva, que presentarán os seus libros ‘Abril’ e ‘Cómplices. A Violencia Machista Institucional’. A concelleira de Igualdade precisou que “o faladoiro do 17 de marzo terá como moderadora á xornalista Sara Vila (Diario de Pontevedra) e como convidadas a Eva Mejuto e Elisabeth Oliveira, que falarán sobre os seus libros ‘A Lavandeira de San Simón’ e ‘Libros e Vivas’”.
O xoves 11 de marzo realizarase un graffiti na rúa Castelao, nun muro de 10 metros cadrados, adaptación libre do cartel do 8M (no que están representadas tres xeracións de mulleres) a cargo da artista urbana Sax, unha das veteranas máis representativas do graffiti feminino en Galicia.
No ámbito escolar, realizaranse diversos obradoiros nos centros educativos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional do concello, que darán comezo o 15 de marzo e finalizarán ao longo dos meses de abril e maio. Yoya Blanco explicou que “en función das idades ás que van dirixidos, os talleres abordarán temáticas variadas como a formación en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos, a prevención da violencia de xénero a través das redes sociais, a identificación das relacións afectivas como procesos de potenciación das capacidades mutuas e non coma fontes de dominio e submisión ou as violencias sexuais”.
Por outra banda, a edil do PSOE avanzou que, no marco do programa do 8M, nos vindeiros días tamén se presentará a iniciativa ‘Mulleres da Vila’, na que a artista Patricia Maquieira logrou implicar nunha proposta audiovisual e fotográfica ás responsables de diversos negocios de Pontevedra.