Graffiti conmemorativo do Día Internacional da Muller

Un muro de 10 x 2 metros situado na céntrica rúa Cruz Gallástegui converteuse no ‘lenzo’ sobre o que a artista urbana Sax, en colaboración coa Urban Culture Factory, plasmou o martes 16 de marzo o graffiti reivindicativo promovido pola Concellería de Igualdade con motivo do 8 de Marzo, Día da Muller. O inicio da intervención artística contou coa presenza das concelleiras Yoya Blanco e Iván Puentes.

O mural está inspirado no cartel deseñado por Maru Astray para a campaña do 8M ‘Feminismo para cambiar o mundo’ e simboliza a ocupación do espazo público polas mulleres e o noso berro a prol da igualdade real e a loita polos dereitos de todas.

Tal e como lembrou a concelleira de Igualdade, “a graffiteira Sax conta cunha longa traxectoria e é toda unha referente feminina nun campo de expresión artística que desgraciadamente, coma tantos outros, está dominado de xeito maioritario por homes”.

A artista Sax afirmou que “nun ano no que non puidemos manifestarnos como sempre polo 8M, este graffiti amosa a unha rapaza berrando a través dun megáfono e subliña o importante que teñen estas datas para as mulleres”.