17 de maio, Día Internacional contra a LGTBIfobia

Ademais das Letras Galegas, este luns 17 de maio celébrase en todo o mundo o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia (LGTBIfobia), no que se conmemora a eliminación da homosexualidade do listado de enfermidades mentais por parte da Asemblea Xeral da Organización Mundial da Sáude (OMS) o 17 de maio de 1990.

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco subliñou a importancia de que “nun contexto no que os descursos de odio tentan poñer en perigo os dereitos esenciais acadados polo colectivo LGTBI durante anos de loita, resulta máis importante que nunca fortalecer os programas pola diversidade sexual e de xénero como Pinto e Maragota e impulsar congresos como o que se celebrará en Pontevedra o sábado 29 de maio, axudando a educar en diversidade, fomentar a empatía e rachar cos prexuízos”.

“Aínda nos quedan moitas fobias por eliminar e borrar das mentes reaccionarias, pero a semente da igualdade, a liberdade e a diversidade dará un froito irreversible”, asegura a concelleira.