Xela Arias, protagonista do Día das Letras Galegas 2021

Só cinco mulleres foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas desde a primeira edición, en 1963: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021).

Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Atreveuse a explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais e outras intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero, autodefiníndose como feminista, rebelde e inconforme.

Nada en Sarria (Lugo) en 1962, Xela Arias foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora. Concebía a poesía como un xeito “de indagar e cuestionar a orde das cousas”, pero tamén de “describir o que se aprende a agacharar”, sempre desde a perspectiva de xénero.

Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.). En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.

Exerceu un labor pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá), W. Fernández Flórez (O bosque animado), Roald Dahl (As bruxas) ou Bram Stoker (Drácula); tamén participou na tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da Sociedade da Língua Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; o Ramón Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos, de Fenimore Cooper, e, postumamente, o Plácido Castro (2004) por O Spleen de París, de Baudelaire. Foi membro da Asociación de Tradutores Galegos e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.

Desde 1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.

A súa morte temperá en 2003, cando preparaba con Fernando Abreu o proxecto poético e musical Vencerse é cousa de se tratar, ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes.