Programa de actividades Orgullo 2021

A Concellería de Igualdade pretende converter Pontevedra un ano máis en referente nacional do Orgullo cun programa de accións que terá como eixo vertebrador a reivindicación das letras que compoñen a terminoloxía da diversidade: L (lesbiana) G (gay) B (bisexual) T (trans) I (intersexual) Q (queer) A (asexual).

O departamento que dirixe Yoya Blanco, a través do programa Pinto e Maragota, quere converter este Orgullo 2021 “nunha afirmación dos dereitos conquistados por parte do colectivo LGBTIQA+ durante os últimos anos e nunha campaña de visibilización e dignificación, con actividades pedagóxicas, educativas e de comunicación que cheguen ao público adulto e aos nenos e que nos axuden a erradicar as fobias da nosa sociedade”, segundo dixo no acto de presentación do pasado luns no Teatro Principal.

Programa de actividades Orgullo 2021

O programa do Orgullo 2021 porase en marcha o luns 21 de xuño ás 20:00 horas na Casa das Campás, cun encontro titulado Orgullo e Memoria, “protagonizado polo activista Jordi Petit e centrado na memoria do colectivo. Continuará o mércores 23 de xuño ás 11:00 horas coa presentación da instalación artística ‘Letras Coloridas’, unha chamada de atención a nivel estético que converterá en protagonistas luminosas as letras que identifican á comunidade LGBTIQA, acompañadas da súa definición, e a presentación dos novos arranxos florais temáticos que, no marco do proxecto os Xardíns que Falan, adornarán os xardíns das prazas de España e Ourense.

Os sempre agardados Vermús de Pinto e Maragota regresarán o sábado 26 de xuño ás 23:00 horas ao Gastroespazo do Mercado de Abastos cunha noite de cabaré baixo o tentador título de Farándula Incandescente e o martes 29 de xuño ás 20:00 horas haberá unha nova charla, neste caso sobre o ‘Dereito á diversidade’, na Casa das Campás a cargo do activista LGBTIQA+ Fito Ferreiro e a xurista, activista trans e formadora en igualdade e diversidade sexo-afectiva Ada Otero, coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra, arredor da protección legal en situacións de acoso e discriminación por orientación sexual.

O espazo de lecer infantil O Ganapán unirase un ano máis á festa do Orgullo cunha ampla programación en torno á diversidade, tanto no Espazo Gastro como no Espazo Crea, que se desenvolverá entre o martes 29 de xuño e o domingo 4 de xullo. Cada día haberá dúas quendas, en horario de mañá, en cada un dos espazos: ás 11:00 horas e ás 12:30 horas. As familias interesadas poderán inscribir aos seus fillos a través do  correo eletrónico oganapan@gmail.com

Entre o mechandising que se distribuirá desde o Concello de Pontevedra para este Orgullo 2021 inclúense unhas viseiras coas siglas LGBTIQA e o logotipo da Concellería de Igualdade.