Volve o Obradoiro ‘Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’

Tralo éxito das convocatorias anteriores, as concellerías de Igualdade e Promoción Económica, xunto co Centro de Información á Muller (CIM), volven impulsar este ano unha nova edición do proxecto Namórate de Ti. un obradoiro dirixido a mulleres que ten por obxectivo que todas as participantes aprendan a quererse e valorarse a si mesmas utilizando a imaxe e a foto como ferramenta

Este taller gratuíto terá lugar na Casa Azul os días  6, 7, 13 e 14 de outubro en horario de 10:00 a 13:00. As interesadas en participar poden inscribirse na plataforma apuntate.pontevedra.gal entre o 28 de setembro e o 5 de outubro.

Dirixido principalmente a mulleres desempregadas, mulleres que precisan volver confiar en si mesmas e vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, ao longo de catro xornadas as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira guiarán ás participantes para axudarlles a reforzar a súa autoestima e o autoconcepto que teñen de si mesmas, ao tempo que fomentarán a súa unión social e a cooperación grupal, a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.

Os talleres de ‘Namórate de Ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’ terán o seu colofón, como na edición anterior, cunha exposición fotográfica nos escaparates de diversos establecementos comerciais de Pontevedra (enmarcada dentro dos actos conmemorativos organizados pola Concellería de Igualdade e o CIM con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres). Tal e como lembra Yoya Blanco, “a mostra que realizamos en 2020 contou coa colaboración de 12 tendas da rúa Oliva e foi un rotundo éxito, converténdose nunha simbiose perfecta de reivindicación e expresión artística que logrou captar a atención da cidadanía e liberar ás sete mulleres participantes das cadeas que arrastraban”.