Día Internacional das Mulleres Rurais

O 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data instaurada pola Organización de Nacións Unidas (ONU) na que se conmemora e recoñece a función e contribución decisiva da muller rural á promoción do desenvolvemento agrícola e rural, á mellora da seguridade alimentaria e á erradicación da pobreza.

En Galicia resulta case imposible entender o rural sen falar da figura das mulleres. Ser muller, galega e do rural significa enfrontarse cada día a unha situación de desigualdade de xénero, derivada do illamento da poboación, e moitas veces, do acceso aos recursos.

Coa intención de renderlle homenaxe ás mulleres do rural e visibilizar que sostiveron e sosteñen en gran parte a vida dos pobos coas súas mans é que a Concellería de Igualdade xunto co CIM organiza un acto lúdico e conmemorativo o próximo domingo 24 ás 19 horas no Centro Social de Cerponzóns no que desfrutaremos do espectáculo Lavandeiras da man da artista Vero Rilo, con acceso libre e gratuíto parapúblico adulto ata completar o aforo. Deste xeito queremos dar un pulo tamén á volta a normalidade dos centros sociais do rural que retomaron a súa actividade o pasado 1 de outubro e achegar a axenda feminista e cultural ás parroquias.

Lavandeiras é un espectáculo onde a narración oral se mestura coa música ao vivo e o teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron. É tanto o que rodea á figura da lavandeira que teríamos para incontables horas de fala e canto, daría para namorar lavando, máis eliximos centrarnos na consideración histórica e social da muller coa finalidade de poñer en labor a súa figura como fundamental sostén económico non só na casa senón tamén co traballo profesional non recoñecido que tantas xeracións de galegas fan e fixeron ao longo da nosa historia.
Pasando de camiño polo folclore, polo humor, polas historias reais e polo cancioneiro popular Vero Rilo achéganos un espectáculo cheo de emoción acompañado por Carlos Quintá no apartado musical.