O pasado venres 22 de outubro foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria do Premio Ernestina Otero Sestelo 2021 para a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos do Concello. O procedemento de presentación de solicitudes está aberto na Sede electrónica do Concello, onde se pode acceder ás Bases e aos Formularios para presentar candidaturas.
Ditos premios están orientados a recoñecer e valorar aqueles proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero, e que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades. A esta convovatoria pódense presentar proxectos e actividades realizados nos cursos académicos 2019/2020 e/ou 2020/2021.
Como en convocatorias anteriores haberá dúas categorías: unha para infantil e primaria e outra para secundaria e postobrigatorias, con dous premios en cada unha de 900 e 500 euros. O importe de cada premio deberá destinarse ao fomento e desenvolvemento de proxectos ou actividades relacionadas coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes no curso seguinte á concesión deste.
O prazo de presentación remata o próximo 11 de novembro. As solicitudes teñen que ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello, adiantando copia dos Formularios ao correo electrónico do CIM igualdade@pontevedra.eu
Para calquera dúbida ou consulta podedes chamarnos ao Centro de Información á Muller no teléfono 986 864 825 ou contactar a través do mail: igualdade@pontevedra.eu, onde estaremos encantadas de axudarvos no que precisedes.