Inauguración da exposición fotográfica do obradoiro “Namórate de ti”

A concelleira de Igualdade e Promoción Económica, Yoya Blanco, inaugurou esta mañá cun roteiro por varios dos comercios participantes a exposición fotográfica do obradoiro Namórate de Ti, impulsado polo seu departamento e o Centro de Información á Muller (CIM) en colaboración coa fotógrafa e creativa Patricia Maquieira e a animadora sociocultural Tegra Gómez, no marco do programa de actividades organizado co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A mostra foi visitada pola edil socialista en compañía da directora do CIM, Rosa Campos; a axente de Igualdade Mercedes Renda; as propias Maquieira e Gómez e un grupo de mulleres que protagonizan algunhas das imaxes penduradas en 16 establecementos comerciais situados nas rúas Castelao e Cruz Gallástegui.

“As valentes mulleres libres que protagonizan as marabillosas fotografías desta mostra -indicou a edil do PSOE- son Mer Paratcha, Patricia Pazó, Carmen Santos, Begoña López, Soledad Cores, Nuria González e Celia Gutiérrez… Nos talleres tamén participaron outras compañeiras que, pola súa situación persoal, prefiriron manterse anónimas, pero para que as que os obradoiros tiveron ese mesmo efecto catártico, empoderante e liberador que para todas as que asistiron a eles”.

Coincidindo co inicio do roteiro, Nuria González fixo lectura dun emotivo e fermoso texto reivindicativo contra o terrorismo machista e a prol do amor propio e os dereitos das mulleres.

Entre os obxectivos de Namórate de Ti están os de fomentar o empoderamento feminino e a autoestima a través da fotografía, así como a plena liberdade de pensamento e expresión e promover as relacións sociais e a cohesión grupal. Os talleres, que teñen o seu colofón nesta mostra fotográfica, desenvolvéronse de xeito gratuíto na Casa Azul os días 6, 7, 13 e 14 de outubro.