A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller de Pontevedra organizaron, no marco do programa de actividades conmemorativo do 25 de NOVEMBRO, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, un pase especial para alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional dos centros educativos do concello da obra de teatro #2Pilgrims (Redrum Teatro) seguido dun coloquio co equipo artístico, Sheila Fariña e Guillermo Carbajo.
O acto, que presentou a concelleira de Igauldade, Yoya Blanco, tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra este xoves 18 de novembro ás 11.00 e nel participaron uns 270 alumnos e alumnas dos IES Sánchez Cantón, A Xunqueira I, Luis Seoane e Frei Martín Sarmiento.
A peza teatral, especialmente enfocada ao público adolescente co fin de concienciar, educar en igualdade e inculcar valores que preveñan a violencia de xénero, reflexionando sobre feminismo, os modelos de masculinidade e a importancia actual das redes sociais, foi un rotundo éxito entre o alumnado e o profesorado asistente, o que motivou que, tralo coloquio posterior ao pase da obra, o elenco protagonista pechou a función asinando autógrafos.