A festa da diversidade tivo unha nova edición no Gastropazo do Mercado de Abastos o pasado sábado 20 de novembro cun novo Vermú de Pinto e Maragota protagonizado polo dúo poético-musical Aldaolado, composto por María Lado e Lucía Aldao, que ofreceu un percorrido polo seu novo disco Casa!, xogando co público polos recantos da diversidade e empregando a música e a poesía como espazos para os afectos, como lugares aos que chegar e dicir: Casa!
O dúo artístico Aldaolado está composto por Lucía Aldao e María Lado, dúas poetas galegas de consolidada carreira, que no ano 2005 decidiron unir os seus nomes e os seus esforzos creativos para dar lugar a esta proposta. Aldaolado é un proxecto artístico orientado á poesía escénica, co que conseguiron facer do recital un acto atractivo, próximo e divertido para todo tipo de público, mesmo para aquel que nunca leu poesía. A súa espontaneidade e complicidade en directo é a base sobre a que crearon case unha ducia de espectáculos. Con eles actuaron en centos de escenarios do máis variado, tanto en Galiza como máis aló das nosas fronteiras.
Nos seus espectáculos María e Lucía tratan temas de interese colectivo a través do humor, coma a lingua, o amor romántico, a igualdade de xénero, a vida de poeta e un longo etcétera. Os recitais están pensados para o público adulto e o público adolescente aínda que tamén contan con propostas para o público infantil, coma obradoiros ou unha pequena peza de teatro chamada A Ovella Engracia.
Unha canción homenaxe a Elisa de Marcela, “Por que non hai flores?”, “Froita ofrecida” ou “Atractivas e talentosas” foron algúns dos temas cos que nos agasallaron no Día da Memoria Trans. Un luxo de noite!