Manifesto institucional do Concello de Pontevedra polo 25N 2021

MANIFESTO 25N 2021


Un ano máis aproveitamos a conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres para poñer o foco dos medios e da sociedade sobre as múltiples violencias machistas que nos rodean e asoballan.

Neste 2021 queremos aproveitar a ocasión para alzar a voz contra a violencia vicaria, aquela que se exerce sobre a muller co fin de lle causar dano a través de terceiras ou interpósitas persoas. Comprende o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia (física, psicolóxica, económica) exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como de calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa intención de lle causar o máximo dano e padecemento.

Todos os días vemos como maltratadores que non se preocupaban nin interesaban polas súas crianzas, no momento do divorcio solicitan a custodia compartida, un amplo réxime de visitas ou incluso a custodia total, só por continuar en contacto coa muller e continuar o maltrato a través dos fillos e fillas. Isto é a violencia vicaria.

En 2018, en Pontevedra dixemos “un maltratador nunca é un bo pai” e agora a lei danos a razón e estipula textualmente que “Non procederá o establecemento dun réxime de visita ou estancia, e se existira suspenderase, respecto do proxenitor que estea incurso nun proceso penal iniciado por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou os seus fillos. Tampouco procederá cando a autoridade xudicial advirta, das alegacións das partes e as probas practicadas, a existencia de indicios fundados de violencia doméstica ou de xénero. Non obstante, a autoridade xudicial poderá establecer un réxime de visita, comunicación ou estancia en resolución motivada no interese superior do menor ou na vontade, desexos e preferencias do maior con discapacidade necesitado de apoios e previa avaliación da situación da relación paternofilial”. Queda pois velar para que a excepción non se converta no habitual e seguir berrando que o interese das crianzas é estar afastadas dos maltratadores.

Queremos nesta liña dar un paso máis, denunciar ata onde chegan as consecuencias para as e os menores que viven estas situacións de violencia.

Segundo datos da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, na nosa provincia un total de 484 vítimas de violencia de xénero teñen menores de idade ao seu cargo ou, o que é o mesmo, en case medio milleiro de fogares pontevedreses as crianzas viven nunha contorna de violencia, que pode ser física, sexual ou emocional e, sempre, psicolóxica. E temos que denunciar que isto é só a punta do iceberg da violencia. 484 son só as vítimas que están no Sistema VioGén e teñen polo tanto unha orde de protección en vigor. Pero sabemos que o 80% da violencia de xénero non se denuncia e que só se conceden o 43% das ordes de protección que se solicitan no Partido Xudicial de Pontevedra. A cantidade de mulleres e crianzas que padecen violencia e permanecen invisibles nas estatísticas é insoportable. E temos pendente de cuantificar as agresións que sofren as e os menores no ámbito familiar, agresións que van desde a violencia sexual á desatención, pasando polo abuso emocional e o físico. O traballo que nos queda por diante é inxente.

Fáltannos os datos sobre a violencia a menores, pero o que si sabemos é que o maltrato infantil é o factor de risco máis importante para presentar trastornos psicopatolóxicos na idade adulta ata o punto que segundo diversos estudos o maltrato infantil estivo presente no 33% dos casos de trastornos de ansiedade, no 54% das depresións, no 64% das adiccións e no 87% dos intentos de suicidio.

Como dixemos, é a nosa obriga seguir berrando, reclamando e esixindo que o interese superior das crianzas é estar afastadas das situacións de violencia e dos violentos. Temos as ferramentas, só temos que empregalas. Polo presente desas nenas e nenos e polo futuro que queremos construír.

E aínda que a violencia vicaria sexa o eixo central da campaña deste 2021 en Pontevedra, non esquecemos o resto das violencias machistas que padecemos:

DENUNCIAMOS a violencia institucional que sofren cando revitimizamos tanto a mulleres como a crianzas, cando non temos en conta a súa palabra e as deixamos desprotexidas ante os seus maltratadores. Cando miramos cara outro lado e deixamos que todo siga igual e que elas sigan a soportar a violencia. Non se trata só de escoitar, tratase de pór en funcionamento os recursos que xa están dispoñibles neste momento e que moitas veces non adoptamos pola inercia de tantos anos. Non pode ser que a resolución da violencia recaia sempre exclusivamente nas vítimas e que o estado e as institucións laven as mans.

DENUNCIAMOS a violencia sexual, que foi o tipo delitivo que máis aumentou este ano, un 32%, sabendo que como sempre, os casos denunciados son unha pequena parte dos que hai. Vemos como aumentan ano a ano as agresións en cita, agresións que non se denuncian en case ningún caso e nas que xoga un papel fundamental o estereotipo que fai que as mulleres se sintan culpables da violencia dos homes: por que subín a súa casa?, por que tomei aquela copa? por que deixei que me acompañara? Preguntas que debuxan un escenario nada alentador para as mulleres que senten que non son donas do espazo nin público nin privado. A desigualdade aparece como unha montaña imposible de escalar cando realmente o único que queremos é vivir en paz e sen medo. Que as rúas tamén sexan nosas, de día e de noite. Que poidamos volver a casa soas e tranquilas, que poidamos quedar cun home sen vernos obrigadas a cumprir os seus desexos esquecendo os nosos. Que tomar unha copa nun local non sexa perigoso, que estar bébeda non sexa unha escusa.

DENUNCIAMOS a mercantilización do corpo das mulleres, temos a necesidade de debater sobre a definición patriarcal de muller como corpos de acceso libre para o pracer sexual e a reprodución, en palabras da filósofa Ana de Miguel. Definición que se perpetúa actualmente baixo a idea do consentimento e do mito da libre elección que o neoliberalismo sexual emprega para converter a vida e o corpo das mulleres en mercancía. Porque os nosos corpos non son obxectos e, polo tanto, nin teñen prezo nin existen para compracer a ninguén.

DENUNCIAMOS que por cada paso adiante na loita contra as violencias machistas en calquera das súas formas, o sistema patriarcal contraataca con novas estratexias que esconden os vellos argumentos de sempre. Cando pensabamos que certos discursos estaban superados para apostar por unha axeitada protección das mulleres, dos seus dereitos e liberdades, a lexitimación que algún sectores fan de argumentos negacionistas da violencia de xénero fan que as vítimas se sintan aínda máis vulnerables, cuestionadas e desprotexidas e que os maltratadores se vexan reforzados no seu ideario e as súas accións.

Queremos rematar esta declaración facendo unha homenaxe ás mulleres, mulleres que pese a esta realidade ateigada de tantas e tantas violencias, coas que todas podemos identificarnos, foron capaces de facerlle fronte, de seguir adiante e loitar por unha vida libre de violencia. E non atopamos mellor mensaxe para enviarlles que a das palabras de Lucía, unha das usuarias do CIM que participou no obradoiro de autoestima e empoderamento “Namórate de ti”:

“Recordei o importante que é quererse unha mesma, para poder querer aos demais dunha maneira saudábel; aprendín a vencer os medos e os pudores, a deixar de pensar nas críticas e a querer ser aceptada sempre.
Aprendín a importancia de sentirse acompañada doutras mulleres, escoitar, empatizar… para non sentirte soa.
Aprendín que para pedir respecto primeiro temos que querernos e respectarnos a nós mesmas. Tiven que superar o meu propio rexeitamento.
Aí empecei a gañar a batalla e a liberarme, a ser eu mesma”

Novembro, 2021