Andrea Campos, integradora social, promotora de igualdade de xénero e filla dunha vítima da violencia machista, foi a primeira voz que se escoitou este luns no pleno da corporación. Foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional polo 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Nun ano no que Pontevedra dedica esta xornada reivindicativa a denunciar a violencia vicaria, aquela que se exerce sobre as mulleres causándolle dano a través de terceiras persoas, fundamentalmente os seus fillos e fillas, Campos reiterou que un maltratador “non é un bo pai”.
Pero neste 25N, Pontevedra tampouco quixo esquecer o resto de violencias que sofren as mulleres, entre elas a institucional, que padecen cando os responsables de protexelas “non teñen en conta a súa palabra e as deixamos desprotexidas ante os seus maltratadores”.
Ademais, o manifesto cita a violencia sexual, que creceu un 32% no último ano; ou a mercantilización do corpo das mulleres, ante a que Pontevedra reivindica unha lexislación que condene a súa consideración como “corpos de acceso libre para o pracer sexual e a reprodución”.
Por cada paso adiante contra as violencias machistas, denunciou a lectora do manifesto, o sistema patriarcal “contraataca” con discursos “que estaban superados” e lexitimando argumentos “negacionistas” que fan que as vítimas sexan máis vulnerables e cuestionadas.
A declaración institucional de Pontevedra polo 25N terminou cunha homenaxe ás mulleres que, a pesar desta realidade “ateigada de violencias”, foron capaces de “facerlle fronte, seguir adiante e loitar por unha vida libre de violencia”.