Un ano máis a Praza da Peregrina acolleu hoxe ás 12 do mediodía unha nova actuación da Campaña Mulleres en acción, Violencia zero que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración co Concello de Pontevedra.
Durante o acto, que finalizou cos discursos da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do Alcalde, Miguel Anxo Lores, a promotora de igualdade Andrea Campos procedeu á lectura pública do manifesto institucional do Concello de Pontevedra polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller 2021.
Mulleres en acción. Violencia zero é un proxecto de acción artística que se desenvolve, desde o ano 2015, no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar a poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta lacra presente na sociedade. As actividades funcionan como arma de visibilización e reflexión para promover unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes.
A presentación na cidade de Pontevedra correu a cargo de Alba Soto, doutora en Belas Artes e artista multidisciplinar, cunha acción titulada ASTA EN CUEVA, performance na que presenta unha serie de presenzas arquetípicas que conectan co imaxinario persoal da artista, para achegarnos á xenealoxía da figura mitolóxica de Baubo a través da acción simbólica e o esconxuro, como modo de conexión e encontro sanador co ancestral.