Sobre a violencia vicaria é sobre a que quería poñer o foco este ano o Concello de Pontevedra, que desenvolve unha ampla programación durante todo o mes. Este mércores 24 tivo lugar un faladoiro, na Casa das Campás, no que se reflexionou longo e tendido sobre este tipo de violencia que exercen os agresores sobre os seres queridos da muller, especialmente os fillos e fillas, coa intención de facerlles o máximo dano. Moderouno a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos en sustitución da concelleira, Yoya Blanco.
Nel participaron a integradora social e promotora de igualdade de xénero Andrea Campos, filla dunha vítima de violencia machista; a directiva da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Lupe Ces, e a presidenta da asociación de axuda a mulleres vítimas de violencia Xtodas, Eylin M. Colmenares.
Andrea Campos será tamén a encargada de ler este xoves o manifesto do Concello polo Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller (12.00 horas, Peregrina), xusto antes de que alí mesmo teña lugar unha das performances do ciclo Violencia Zero, da Deputación Provincial.