Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas

O sábado 11 de decembro celebrarase na Sala Almofrei da Casazul un Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas, monitorado por Manuel Herbón Arias, especialista en Defensa Persoal Feminina e membro do Corpo Nacional de Policía e instructor de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O obradoiro está deseñado como forma integral de empoderamento ante situacións de risco, achegándolle ás participantes un compendio de conciencia, confianza, seguridade e técnica.

Esta actividade é de balde e está aberta a mulleres maiores de 16 anos. As interesadas en participar xa poden inscribirse no CIM a través do teléfono 986 86 48 25 ou do email igualdade@pontevedra.eu. Aforo segundo as normas sanitarias en vigor na data de realización da actividade.

Este curso comprende un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións.

Trataranse aspectos legais, psicolóxicos, estratéxicos, físicos e por suposto de prevención, para poder evitar nun momento determinado que chegue a producirse a agresión (recomendacións en portais, garaxes, vehículos, na rúa, …..).

Esta actividade xa se fixo en anos anteriores con moi bos resultados e unha alta valoración entre as participantes.

O instructor experto en defensa policial, Manuel Herbón, xunto cunha participante no curso de autodefensa de 2019