Os ‘xardíns que falan’ alzan a voz contra as violencias machistas

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller tamén é visible este 25N nos xardíns de Pontevedra por segundo ano consecutivo. A iniciativa dos ‘xardíns que falan’ alzou a súa voz contra as violencias machistas que sofren as mulleres e invitan á cidadanía a reflexionar e non calar ante o machismo. Nos xardíns de Casto Sampedro preparouse unha composición de flores e bolboretas violetas e instalouse un banco morado no que pode lerse a seguinte invitación a reflexionar: ‘Senta e pensa… No último machismo ante o que calaches #25N’.

Tamén os da Praza de España amenceron cunha fermosa composición floral, conformando unha senda percorrida por unhas botas desa cor violeta que simboliza a loita feminista.

Ao igual que en anteriores intervencións, empregadas por multitude de pontevedreses e turistas para sacar fotografías e subilas a redes sociais, o Concello convida a veciñanza e visitantes a sumarse a esta campaña subindo as imaxes empregando as etiquetas #XardínsqueFalan e #25NPontevedra”.

Os ‘xardíns que falan’ xa ofreceron diversas instalacións artísticas noutras datas sinaladas ou eventos como a semana do Orgullo LGTBIQ, o Samaín, o Aninovo ou mesmo a campaña de vacinación contra a covid-19.