A Concellería de Igualdade e o CIM presentaron un calendario repleto de actos e actividades variadas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema “Terra de Mulleres, Tempo de Mulleres”, que se estenderá ata xuño xa que “a loita pola igualdade non pode limitarse a un mes ao ano, que ten que ser unha loita diaria”, en palabras da concelleira, Yoya Blanco.
O programa inclúe unha potente campaña gráfica conmemorativa creada pola ilustradora e artista mural Nana, un mural de 40 metros cadrados, o despregue dunha pancarta no balcón do Consistorio, a lectura dun manifesto a cargo da xornalista María Varela, uns faladoiros feministas, obradoiros para mulleres das parroquias do rural, o acto de entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo, o monólogo teatral ‘A síndrome de Lis’ e o proxecto de visibilización Mulleres da Vila.
Haberá tamén actividades nos centros educativos do municipio ao longo de marzo, abril e maio, con contacontos, obradoiros e charlas formativas pensadas para todas as idades.
A campaña do 8M foi presentada esta mañá no Concello pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, a xerente de Culebra Studio, Cecilia Paredes, e a propia Nana, formada na EASD Pablo Picasso e que acumula unha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, exhibicións e eventos tales como o Desordes Creativas, Mad Poster Art, San Fest, Derrubando Muros con Pintura, Violencia Zero, Elas Tamén Pintan, Vigo Ciudad de Color ou Loures Arte Pública, cun estilo colorista e orgánico que fai que a súa obra claramente feminista sexa persoal e inconfundible.
Tal e como sinalou Yoya Blanco, “a peza central co lema da campaña creada por Nana protagonizará un mural de 40 metros cadrados que exhibirá a rúa Eduardo Pondal e co que pretendemos seguir na liña de imaxes potentes e impactantes coas que esta Concellería pretende salientar a loita pasada e presente das mulleres pola igualdade real de dereitos, liberdades e oportunidades”. “A execución desta enorme pintura mural levarase a cabo entre os días 4 e 7 de marzo. A intervención consistirá nunha reprodución a grande escala da principal peza gráfica do 8M, nun espazo de 10 metros por 4, realizado por Nana en colaboración con Culebra Studio”, explicou a edil.
O programa conmemorativo arrinca este xoves 3 de marzo co inicio do programa Somos Quen 2022, que levaba sen facerse desde 2019 por mor da pandemia e que, a través das asociacións de mulleres e demais tecido asociativo do rural, ofertará diversas actividades para mulleres das parroquias entre os meses de marzo e xullo. As accións centraranse en tres grandes bloques: Actualízate (Dispositivos dixitais, Márketing online, Oratoria e Activismo feminista), Creatividade (Cestaría, Arteterapia e Fotografía e Comunicación visual) e Saúde e Benestar (Botica natural e benestar, Estimulación cognitiva e psicomotriz, Risoterapia, Bailoterapia, Ioga, Pilates, Automasaxe relaxante, Alimentación e nutrición saudable). O prazo de presentación de solicitudes para participar nas mesmas estará aberto ata o día 15 de marzo.
O venres 4 de marzo terá lugar no Salón de Actos do Pazo Provincial, entre as 11:30 e as 13:00 horas, o acto de entrega do Premios Ernestina Otero Sestelo para a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos de Pontevedra no ano 2021. Nesta convocatoria participan centros de ensino non universitario do concello, desde Educación Infantil a Bacharelato e Formación Profesional, en dúas categorías, e repartiranse catro premios por un importe total de 2800 euros, que deberán destinarse ao desenvolvemento de proxectos ou actividades relacionadas coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes no curso seguinte. O acto pecharase cunha actuación da narradora oral e contadora de contos e historias Vero Rilo.
O luns 7 de marzo, a xornalista María Varela, autora do manifesto reivindicativo deste 8M, procederá na Sala de Prensa do Concello, ás 12:00 horas, á lectura desta declaración institucional. Acto seguido, ás 12:15 horas, levarase a cabo o despregue da pancarta no balcón da Casa Consistorial, que irá seguida do reparto de cartelería e paraugas conmemorativos entre institucións, edificios administrativos e centros educativos da cidade e de lonas nas parroquias do rural.
Dentro deste atractivo programa de actividades tamén haberá un destacado espazo para a reflexión a través duns Faladoiros Feministas organizados en colaboración coa Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra que se celebrarán na Casa das Campás os mércores 9, 16 e 23 de marzo en horario de 19:00 a 20:30 horas. “Serán tres conversas sobre mulleres, igualdade, axenda feminista, retos, saúde, literatura e violencias que terei a honra de presentar e que poderán seguirse de xeito presencial ata completar aforo e tamén en streaming a través da páxina web de Igualdade e das redes sociais do Concello. Para quen queira asistir en persoa, recoméndase reservar praza”, precisou Yoya Blanco.