Pechamos o calendario de actividades organizadas co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller de 2022, co monólogo teatral A SÍNDROME DE LIS que terá lugar o vindeiro xoves 31 de marzo ás 20.00 horas (entrada desde ás 19.30) na Sala Karma (Rúa Marqués de Riestra, 34).
A entrada é gratuita, pero é necesario ter convite ou facer reserva previa enviando un mail a igualdade@pontevedra.eu.
O espectáculo está dirixido a público adolescente (+14) e adulto e dura uns 70 minutos.
Escrita e dirixida pola pontevedresa Diana López Varela e interpretada por Rocío Barrio, a obra ten unha intención claramente lúdica pero tamén didáctica e reivindicativa.
En clave de comedia, a protagonista fará un repaso á súa vida, aos seus éxitos e fracasos, coa autoestima como fío condutor -e destrutor- da súa historia vital. Os trastornos de ansiedade e a depresión, a síndrome da impostora, o acoso sexual e a proxección dunha falsa imaxe nas redes son temas que conflúen nesta peza.