Un libro promovido polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela co título “As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois” recolle os quince relatorios da primeira edición deste encontro, en 2018. Ademais recolle análises coas participantes daquel acto que serviu para chamar a atención sobre o escaso protagonismo que tiñan as mulleres nos medios de comunicación. A primeira edición converteuse nun éxito de tal calibre que logrou ser tema de tendencia, encher de público o Teatro Principal e supuxo tamén un importante avance para o feminismo ás portas da celebración histórica do 8 de marzo.
Este martes convocouse á prensa no segundo andar do Concello para anunciar a presentación desta publicación para a próxima semana, acto no que Susana Pedreira explicou que esta publicación ofrece desde a perspectiva que outorga o paso de catro anos e dunha pandemia un repaso sobre os cambios experimentados durante este período, “quere ser memoria do pasado e reflexión desde o presente”. Pedreira estivo acompañada pola tamén promotora do congreso Diana Varela e pola presidenta da Deputación Carmela Silva e polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
O libro congrega o primeiras quince relatorios da edición inicial en crónicas xornalísticas e inclúense tamén entrevistas con relatoras como a escritora Rosa Montero, a xornalista María Varela, Ana Bernal Triviño, Elisa Beni, Marta García Aller, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, Lucía Taboada, Emma Gascó, Anita Botwin, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera.
Esta edición conta tamén con códigos QR antes da crónica de cada un dos relatorios que permitirán redirixir ás persoas aos vídeos de YouTube do primeiro congreso ‘As mulleres que opinan son perigosas’.
A obra repasa tamén as dúas mesas coloquio sobre maternidade e precariedade e Emma Gascó encárgase da ilustración desta publicación que será regalada ás persoas que asistan ao acto de presentación no Pazo Provincial o próximo 29 de marzo, ás 19.00 horas, do mesmo xeito que entre o público que acuda á edición deste ano do congreso.
Carmela Silva interveu nesta presentación celebrando a “idea extraordinaria e pioneira” das dúas xornalistas que pasaron a converter á provincia en referente na reclamación do espazo que lles corresponde ás mulleres nos medios de comunicación e, en partciular, na opinión “que marca o pensamento social”.
Por último, Miguel Anxo Fernández Lores mostrou a súa satisfacción pola volta ao formato presencial do congreso e destacou tamén o traballo desenvolvido por Diana López e Susana Pedreira para que Pontevedra “sexa pioneira tamén na defensa do feminismo”.